Tuesday 30 de April de 2024

Gañadores do VI Certame de Microrrelatos “Concello de Fene”


O VINDEIRO 1 DE XUÑO TERÁ LUGAR A ENTREGA DE PREMIOS E A INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DO CERTAME DE CREACIÓN ARTÍSTICA

O xurado do VI Certame de Microrrelatos “Concello de Fene” ven de dar a coñecer os nomes dos gañadores/as do concurso que organiza a Concellería de Cultura e Ensino e os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino feneses e que este ano xirou en torno á temática das “viaxes”.
Na categoría A, dirixida aos alumnos/as de 5º e 6º de primaria, o primeiro premio recaeu no traballo titulado A viaxe vital, de Joel Alvariño Villavedre, alumno de 6º de primaria do CEIP Os Casais. Na categoría B (1º e 2º de ESO) resultou premiado o microrrelato titulado Unha viaxe para esquecer, de Paula Cutrín Calvo, alumna de 1º de ESO do IES de Fene. Na categoría C (3º e 4º de ESO) o primeiro premio foi para o traballo Regreso a Galicia, de Laura Rivera Cés, alumna de 4º de ESO do IES de Fene. Na categoría D (para bacharelato e ciclos formativos) o primeiro premio foi para o microrrelato Cartafol dun exiliado, de Ariadna Rocha López, alumna de 1º de Bacharelato do IES de Fene.

O xurado, presidido pola concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García Balado, e formado por 2 membros (1 profesor/a e 1 alumno/a) nomeados por cada un dos centros de ensino participantes, agradeceu a participación do alumnado dos centros que concorreron a esta VI edición do Certame de Microrrelatos, deixando constancia da calidade, diversidade e do elevado número de participantes.

Un ano máis, o Concello de Fene editará os traballos que chegaron á final tanto en formato papel (libriño) como en formato dixital (pdf en web).

A entrega de premios e a presentación da publicación cos microrrelatos terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene o vindeiro 1 de xuño ás 19 horas. Ao remate do acto, haberá unha actuación musical a cargo do dúo de violín e guitarra “Son do Ar”.

Ademais, a partir dese día, amosarase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene a mostra dos traballos presentados ao III certame de creación artística “En galego? É o noso!”, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino. Trátase de composicións plásticas (debuxos, pinturas, colaxes e fotografías) realizadas por escolares de Fene (do Ceip Centieiras, Ceip Os Casais, CPI A Xunqueira, Ceip O Ramo e IES de Fene) e inspiradas en poemas de Manuel María. A partir do 10 de xuño, os traballos amosaranse na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé.